Monday 29 de April de 2024

Centos de persoas celebran en Lousame a X Festa Gastronómica do Carneiro ao estilo San Roquiño


 

Centos de persoas celebraron o sábado a décima edición da Festa Gastronómica do Carneiro, feito segundo a tradición de San Roquiño. Unha festa na que a forte calor está a ser a gran protagonista, pois todo o mundo busca o abeiro da carpa instalada no campo da festa de San Roquiño, cortesía de Pulpería Kaliberas, ou da contorna e o interior da capela, o lugar máis fresco da zona.

Un ano máis, as mesas dispostas no campo da festa están cheas dende o inicio do servizo de comidas, ás 13:30 horas, momento no que os membros da comisión de festas comezaron a servir racións de carneiro, acompañadas de pan e viño, a un prezo de 12 euros. O servizo está sendo rápido e non hai que agardar máis de dez minutos, coincidindo co momento no que todas as mesas están ocupadas.

Unhas consumicións ás que hai que engadir tamén as das familias que levan unha pota chea de carneiro para casa, ben porque non poden quedar á festa, ben para poder seguir degustando este manxar esta noite ou mañá. Un carneiro guisado segundo a tradición de San Roquiño por unha veciña de Tállara, Marisa, quen leva dorando o carneiro dende as catro da madrugada para que estea no seu punto coincidindo coa festa.

De feito, ente quince e vinte viaxes terán que facer os membros da asociación cultural San Roquiño ata a súa casa (a carón do campo da festa) para recolleren os 350 quilos de carneiro e outros tantos de patacas con pemento vermello que se agardan repartir durante a xornada de hoxe sábado.

A música corre a cargo do grupo de gaitas local “Ó son do Pote” que, cando os seus membros descansan e repoñen forzas cun bo carneiro, son remprazados por unha discoteca móbil, que tamén actuará durante a noite. A quenda de cea abrirase ás 21:00 horas e manterase ata que se esgoten as existencias.